Ao BNG de Castrelo de Miño sorpréndelle que o alcalde de Ribadavia Marcos Blanco non ofreza mellores argumentos para xustificar o intento de subida do seu salario que a de facilitar datos incorrectos e malintencionados sobre o alcalde de Castrelo de Miño.
Castrelo de Miño, 23 de xuño de 2011.
No día de hoxe distintos medios de comunicación informan sobre o Pleno de organización do Concello de Ribadavia, no que o alcalde socialista Marcos Blanco non conseguiu aprobar algunhas das propostas que levaba a debate, ao carecer da maioría de concelleiros suficientes para poder facelo.
Este é un asunto que o BNG considera que non debe saír estrictamente do ámbito local no que se está a debatir, e polo tanto o BNG de Castrelo de Miño nada tería que dicir sobre este tema, xa que a nosa organización política xa ten en Ribadavia os seus propios representantes.
Pero o BNG de Castrelo de Miño vese na obriga de facer unha nota aclaratoria ante o manifestado polo alcalde socialista de Ribadavia nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia no día de hoxe, na que di textualmente:
-De todos modos ¿cree que es el momento de aplicar un incremento salarial?
-Son los sueldos más bajos de la provincia, comparándolos con el del alcalde de Allariz, que cobra 2.400 euros mensuales en una villa similar a Ribadavia o con el de Castrelo de Miño, 1.500 euros en un municipio de 1.200 habitantes o algunos del PP que cobran 40.000 y 50.000 euros mensuales.
Ante os inexactitude dos datos incorrectos aos que Marcos Blanco fai referencia no ámbito que nos incumbe, que é o do concello de Castrelo de Miño, o BNG deste concello quere facer as seguintes aclaracións:
- O concello de Castrelo de Miño non ten 1.200 habitantes, como dun xeito errado dí Marcos Blanco, senón que ten actualmente 1.870 habitantes, como así se recolle nos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística dos que achegamos esta ligazón
- O alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez Méndez non está cobrando 1.500 euros mensuais como malintencionadamente indica Marcos Blanco. O alcalde nacionalista de Castrelo de Miño está a cobrar nestes intres 1.200 euros netos mensuais. O mesmo salario que percibe desde o ano 2007.
- No pleno de organización que se celebrou en Castrelo de Miño este pasado martes 21 de xuño, onde se levou de novo a pleno a adicación do alcalde, a proposta que someteu a votación a alcaldía foi: que debida á situación económica xeral na que nos atopamos, propuña manter exactamente o mesmo salario que estaba a cobrar ata o día de hoxe, é dicir 1.200 euros.
- Queremos salientar que o BNG dispón en Castrelo de Miño de maioría absoluta e polo tanto suficiente para que Xurxo Rodriguez Mendez se subira o salario. Sin embargo, o criterio exposto e defendido por Xurxo Rodriguez foi o de manter o mesmo salario de 1.200 euros.
- O BNG de Castrelo de Miño ten que dicir que lle sorprende que Marcos Blanco non teña mellores argumentos para xustificar o intento de subida do seu salario que facilitar datos incorrectos e malintencionados sobre o alcalde de Castrelo de Miño, e di moi pouco del, como representante dos veciños de Ribadavia, que xenere un debate estéril sobre os salarios dos demais (con datos erróneos), e non sobre o seu propio que é ao que se debería ceñir, xa que ese era o punto que ía na orde do día do pleno de onte do concello de Ribadavia.
- E xa que Marcos Blanco fixo referencia ao noso concello, o BNG de Castrelo de Miño lémbralle, que en 2007 estando na oposición o PSOE de Castrelo de Miño, estes votaron en contra da adicación exclusiva de Xurxo Rodriguez Mendez, xustificándoo en que daquelas o BNG de Castrelo de Miño carecía da maioría suficiente para levar a pleno e aprobar esa proposta. Pregúntase polo tanto o BNG de Castrelo de Miño a quen se refiere Marcos Blanco na dita entrevista cando sinala que “quieren una cosa cuando gobiernan y otra distinta cuando no gobiernan”.
