ALEGACIÓNS DO BNG DO RIBEIRO AO PLAN DE XESTIÓN DE RESIDUOS URBANOS DE GALIZA (2007-2017)

14 02 2009

lixo-jpg1

O 7 de febreiro de 2007, o BNG do Ribeiro fixo público (www.ribeiro.tv) o seu posicionamento sobre a implantación no Concello de Carballeda de Avia do chamado Parque Ambiental de Galiza. O BNG do Ribeiro amosaba o seu respaldo a dito parque empresarial de reciclaxe de residuos industriais, no que habían colaborar as consellerías de Vivenda e Solo e máis de Medio Ambiente mediante o convenio asinado entre ambas o 2 de marzo de 2007, sempre e cando se cumpriran as seguintes premisas:


- Quedara totalmente excluída a incineración como método de tratamento dos residuos.

- Non houbera nunca un vertedoiro.

- O parque tivera conexión directa coa A-52.

- Non tivera incidencia nos sectores económicos estratéxicos do Ribeiro: viño, patrimonio, natureza e auga.

- A instalación do parque fose froito dun debate sosegado para construir un parque empresarial sostible cun sistema de xestión ambiental e de calidade.


O 30 de setembro de 2007, o grupo do BNG na Deputación de Ourense presentaba unha moción “sobre o Parque Medioambiental de Carballeda de Avia” na que se recollía que en ningún caso se utilizaría a incineración de residuos, non se reciclarían substancias reputabeis como perigosas, non se tratarían lodos de depuradoras e se manifestaba a prol de que se tratara unicamente dun “centro de reciclaxe e transformación de materiais que teñan un alto valor engadido” sen “menoscabo ou prexuízo doutras actividades económicas que tradicionalmente se veñen desenvolvendo na comarca”.

Recentemente a Consellería de Medio Ambiente ven de publicar o 26-9-2008 na súa web a disposición “Plan de xestión de residuos urbanos de Galiza (2007-2017) e Informe de Sostenibilidade Ambiental” (PXRUG) en prazo de formulación de suxestións, proposicións ou recomendacións.

Este plano de residuos urbanos propón a construción dunha “Planta de tratamento da zona de Ourense” que está proxectada para o tratamento de Fracción Resto, Fracción orgánica e Fracción envases lixeiros, no marco do Plan Sectorial de Infraestruturas de Tratamento de Residuos Urbanos de Galicia (PSI)” (Anexo 4 do PXRUG, páxina 1). O documento prevé que esta pranta trate entre 187.000 e 257.500 toneladas de residuos urbanos incorporando probablemente nas súas proximidades un vertedoiro con capacidade para 630.000 tn de residuos e unha vida útil estimada de entre 7 e 10 anos (pax. 1-5 do anexo 4 do PXRUG).

Malia que no referio Anexo 4 do PXRUG se afirma (páxina 6) que “A planta situarase na provincia de Ourense, nun lugar que aínda está sen determinar”, no documento 2-C Anexos _PGRUG_GL do PXRUG, que contén as referencias cartográficas de localización da planta de tratamento de Ourense, nas páxinas 264, 265, 266 e 267 ubicase dita pranta exactamente no concello de Carballeda de Avia.

No borrador xeral desta disposición á hora da “Simulación do transporte dos fluxos de residuos asociados ó Plan de infraestruturas” novamente nos mapas das páxinas 169 a 171 a pranta de tratamento de Ourense aparece localizada no término municipal de Carballeda de Avia. Na páxina 172 exponse (Táboa 42) o consumo do transporte do Posible destino do rexeitamento a SOGAMA en función da dispoñibilidade de vertedoiro para Carballeda e Lugo”.

Unha vez examinado o documento do PXRUG 2007-2017, o escenario que se plantexa é completamente contradictorio coas posición sostidas polo BNG do Ribeiro que se opón á instalación dunha macropranta de tratamento de residuos urbanos e un vertedoiro na comarca do Ribeiro.

O PXRUG 2007-2017 debe impulsar estratexias de prevención e educación dirixidas a fomentar hábitos responsábeis de consumo; accións transformadoras das estruturas produtivas, para a redución da xeración de residuos, e impulsar políticas de reutilización e reciclaxe.

Ante o exposto, SOLICITAMOS:

Se teña por presentado este escrito, para a revisión do PXRUG 2007-2017 e se contemple como alternativa a creación de plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe baseadas nun modelo de recollida selectiva de calidade.

Ribadavia, 24 de novembro de 2008.


Acções

Informação

Publicar um comentário

Tem de ter a sessão iniciada para publicar um comentário.