O candidato nacionalista di que “o goberno ten a responsabilidade de buscar unha alternativa en colaboración cos concellos” e asegura que o modelo do PP “naceu superado e está a causar un grave problema medioambiental”
Lousame, 4 Febreiro 09.- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana visitou esta mañá o complexo medioambiental do Barbanza, en Lousame, onde se realiza un proceso de tratamento e reciclaxe de residuos e alí apostou por “dar un paso máis nesta materia e levar adiante un tratamento de residuos sostíbel”.
A proposta nacionalista radica nunha “nova xestión, un novo modelo marcado polo máximo aproveitamento e a xestión integrada, aberto á redución, reutilización e reciclaxe de lixo e, sobre todo, comprometida coa compostaxe”.
O BNG quer poñer en marcha na vindeira lexislatura “un plan galego de residuos sólidos urbanos e un plan de compostaxe” e nesta liña Anxo Quintana apostou por que “os indicadores de redución, reutilización e reciclaxe primen en este plan”, ao tempo que se fixou como obxectivo para a lexislatura “acabar co depósito de residuos urbanos sólidos en vertedoiros incontrolados, rematar con esa realidade e acadar a compostaxe cando menos do 30% da materia orgánica incrementándoa nun 5% anual”.
O candidato nacionalista destacou tamén a necesidade de pór en marcha un plan de recollida de residuos perigosos e a realización dun inventario dos residuos orgánicos compostábeis.
Para realizar este labor, o cartel nacionalista considerou “imprescindíbel a colaboración entre a Xunta de Galiza e os concellos” porque falamos dun “servizo de país no que os concellos teñen unha competencia exclusiva que deben exercer coa colaboración consorciada da Xunta”.
A proposta do BNG complétase con liñas de asesoramento e axuda ás pequenas e medianas empresas para facer unha xestión acaída dos residuos industriais e a posta en marcha dun plano de xestión de residuos da construción e a demolición, ademais de mellorar a planificación dos residuos sanitarios.
Quintana cualificou de “ilóxica” a teoría do punto de tratamento único e apostou por que as plantas existentes teñan unha perspectiva comarcal que permita a súa xestión sustentábel dentro dunha economía de escala”.
“O goberno ten a responsabilidade de buscar unha alternativa e debemos ser proactivos e comprometernos na execución dun programa de tratamento en colaboración cos concellos que teña a diminución en orixe e a reutilización como eixo fundamental da súa liña de actuación”, concluíu.
O portavoz nacional asegurou que “o método máis ineficaz para o tratamento de residuos foi o que no seu día ideou o PP” e cualificou de “dificilmente entendíbel que nun país de 2.700.000 habitantes agrupados en 35.000 núcleos de poboación se pode esperar que o método sexa centralizado”.
“O método do PP naceu superado e supón xa un grave problema medioambiental”, apuntou Quintana, ao tempo que cualificou de “pasos importantes” os avanzos feitos nesta lexislatura que exemplificou na lei de tratamento de residuos que “nos coloca nun marco que permite o tratamento de residuos desde unha perspectiva integral”.
Quintana sinalou a “evidencia de que non hai ningún método milagroso para solucionar o problema do tratamento de residuos. O único eficaz é a redución de residuos en orixe e intentar que os residuos poidan ter unha reutilización de futuro”

